Quantcast
Channel: paro – A trenza
Viewing all articles
Browse latest Browse all 6

Emprendedor torturado

$
0
0

Se nalgún extremo hai consenso sobre como saír desta crise devoradora de dereitos, é no emprendemento. Políticos, empresarios, economistas, traballadores… están de acordo en que o emprendemento ha ser un dos elementos que tiren deste carro maltreito. E así, os programas electorais recollían sen excepción o apoio ó emprendemento como unha das medidas para reactivar a economía, etc., etc. Ben, contrastemos teoría e realidade.

Un desempregado decide solicitar a prestación única para emprender un proxecto, que pretende ser creador de traballo á súa vez, e o primeiro que atopa é a soidade. Na oficina do INEM recibe uns papeis demostrativos da absoluta ignorancia da Administración verbo das cousas da empresa. Iso e un apoio nulo: ninguén sabe o que facer con aqueles papeis, nin sequera o que significan as súas celas nin as consecuencias do que neles poñas. Por non saber, nin saben en que organismo rexistrar a túa alta como autónomo.

Mellor ou peor, fas os teus cálculos e, mellor ou peor, encaixas os números nas celas daqueles formularios tan pesimamente deseñados. Mentres esperas a concesión da prestación única (basicamente, recibir nun pago o que é teu despois de 30 anos cotizados!), tentas desenvolver o teu proxecto, un auténtico viacrucis administrativo que algún día describirei en detalle.

Por fin, recibes a “concesión” e descobres que fixeches o parvo dun xeito brutal. Primeiro, porque do que che correspondía, has retirar o 40% para pago da seguridade social, carga que, se ficas desempregado, non tes que soportar. Despois, porque has xustificar, con fotocopias cotexadas e co selo bancario de cada pagamento, un por un, tódolos gastos incorridos. De modo que se durante ese primeiro mes de actividade, non gastas todo o que che ía pagar o INEM para ti vivires durante dous anos, daquela perdes esa parte da prestación non gastada.

Sobrecollido pola nefasta descuberta, empezas a recompilar as túas facturas e buscas un asesor (o cal vas ter que pagar, naturalmente), quen che di: “estas facturas están a nome dunha empresa”. “Claro, da que estou montando para a miña actividade. Mira, xa lle teño o CIF.” “Pois entón non vale porque as facturas han estar a nome do autónomo”, ese autónomo que empeza a maldicir o País no que vive, e o seu goberno actual e tódolos pasados, e a todo canto especulador, corrupto, canalla ou recurtador parira en todos estes anos de infamia e borracheira. Este autónomo que debe atopar axiña un cliente a quen facturar. Porque o que lle correspondía despois de trinta anos de cotización, houbo gastalo a todo correr en ordenadores, páxinas web, alugueiros e cousas así.

Co fácil que tería sido quedar na casa, gastando pouco e agardando por algún emprendedor que un día precisase dun incauto coma min.  


Viewing all articles
Browse latest Browse all 6

Latest Images

Trending Articles


Un cielo inalcanzable


Daddy Yankee - La Despedida (Acapella + Instrumental) (Original de Estudio)...


Alexis & Fido - La Cama ( instrumental original )


Feria del Libro 2024 | Se inaugura el 25 de abril


FERNANDA SILIUTO BRIGANTY [16.628]


ISABEL DE CASTRO Y ANDRADE [18.411]


RAY LORIGA [19.180]


ANA DOLORES ARIAS [19.329]


AKEEM LASISI [20.214]


CATERINA DAVINIO [20.217]